Cuntis é un municipio cunha máis que notable actividade asociativa, cun tecido vivo que dinamiza todos os ámbitos, dende a cultura ao deporte pasando pola música, o teatro, o baile e tantos outros. De entre as dificultades coas que se atopan os colectivos para o desenvolvemento da súa actividade quizais haxa que salientar, entre outras, a escaseza de espazos para poder reunirse con comodidade.
Veciñanza é unha agrupación que en parte se nutre de persoas que participan dese rico movemento asociativo dende cada unha das súas vertentes. Dende os nosos comezos, unha das teimas principais era a de contribuír no posible a tecer redes e impulsar inicitivas que manteñan ese dinamismo asociativo do que Cuntis pode presumir.
A asemblea de Veciñanza acordou poñer a disposición de todos os colectivos, entidades, grupos e asociacións de Cuntis o noso local de xeito totalmente gratuíto. Nel poderanse celebrar xuntanzas, actividades ou calquera outro tipo de evento cultural ou social, tanto público como interno do propio colectivo se asi o desexa. Para iso elaboramos un simple protocolo de cesión para atender as solicitudes do xeito máis apropiado. O local social de Veciñanza atópase no número 39 da rúa Circunvalación, no Baño. Para facer uso del tan só é preciso poñerse en contacto ou ben persoalmente ou ben por correo electrónico no enderezo info@veciñanza.gal.
Nos últimos días informamos xa ás asociacións culturais de Cuntis deste ofrecemento e agardamos xa que poidan aproveitarse deste espazo á súa disposición cando o desexen.